Presentación do álbum ilustrado Feministas pola Paz

No Día Internacional das Mulleres pola Paz e o desarme, a Asemblea de cooperación pola Paz de Galicia presentou o álbum ilustrado Feministas pola paz, unha obra eminentemente didáctica que pon nome e cara a moitas das mulleres que traballaron e traballan pola consecución dunha sociedade mellor. 
A obra ten un dobre obxectivo “por unha banda, reapropiarnos do termo de paz e visibilizalo como un concepto integral e amplo, máis ala da ausencia de guerras e, por outro, para valorar o traballo dende o feminismo para a construción de sociedades máis xustas e pacíficas”, segundo afirman desde a Ongd.

A presentación tivo lugar o 24 de maio na Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela, cun acto aberto no que participaron algunhas das protagonistas que integran o volume, ademais de Raquel López, coordinadora da obra e técnica de proxectos de ACPP Galicia, que contextualizou esta creación gráfico-textual no marco do traballo continuado de ACPP na promoción da cultura de paz, e de Marta Conde, ilustradora e maquetadora da obra. 


Esta actividade realízase no marco do proxecto “Escolas sen Racismo, Escolas para Paz e o Desenvolvemento”, programa de educación para o desenvolvemento, en marcha desde 1997 e que conta co financiamento da Xunta a través de Cooperación Galega.