Máis de 600 estudantes fórmanse ao redor da convivencia e a tolerancia a través dos obradoiros do “Escolas Sen Racismo. Escolas para a paz e o desenvolvemento”

O proxecto “Escolas sen Racismo. Escolas para a Paz e o Desenvolvemento” culmina un novo programa de obradoiros para o fomento da paz e a tolerancia nos centros de ensino co que chegaron a máis de 600 estudantes da ESO e 6º de Primaria de seis centros educativos galegos (IES Milladoiro, IES Antón Losada, IES Chano Piñeiro, CEIP Figueiroa, CEIP López Ferreiro e IES Xulián Magariños). Estas formacións, eminentemente prácticas, tiveron lugar entre os meses de marzo e xuño e versaron sobre equidade de xénero, botrato e convivencia, diversidades sexuais, e racismo e interculturalidade.

A planificación das formacións baseouse na ferramenta do Test de Tolerancia, co que coñeceron a percepción e os valores do alumando con respecto a unha serie de dilemas morais que entrañan posicionamentos éticos e morais, e en base aos seus resultados ofrecéronse un total de 36 obradoiros que responderon ás necesidades, carencias e debilidades identificadas en cada unha das aulas. Cada un dos grupos recibiu polo menos 2 formacións.

A equipa tras deste proxecto valorou de xeito positivo a recepción por parte do alumando destas actividades e resaltou “a importancia de traballar a escoita individual e colectiva ao redor destas cuestións así como que o profesorado estivera nas sesións como observador para poder darlle continuidade aos traballado”.

 

Equidade de xénero e racismo e interculturalidade, temas sensibles.

A equidade de xénero e a interculturalidade reveláronse como temáticas especialmente sensibles e sobre as que foi preciso ofrecer formación e fomentar o diálogo en todos os centros de ensino, tal e como se desprendeu do Test de Tolerancia. Así, impartíronse 12 obradoiros de equidade de xénero, por parte de persoal da Libraría de Mulleres Lila de Lilth, e outros 12 de antiracismo e interculturalidade, neste caso a cargo da cooperativa Feitoría Verde que empregou dinámicas propias do teatro foro e do teatro das oprimidas para falar dos discursos de odio, o xenocidio, a colonización... así como recoñecer onde atopamos os discursos de odio e que facer para combatelos.

“Nos centros cunha grande interculturalidade, algunhas alumnas e alumnos alzaron a súa voz para denunciar situacións racistas, vivencias persoais, explicitando a importancia de obradoiros como este para se empoderar”, segundo indican desde a organización.

Achegamento ao comercio xusto

Ao longo do mes de maio tamén se desenvolveron xornadas de comercio xusto nos IES do Milladoiro (Ames) e no IES Chano Piñeiro de Forcarei. A modo de pequena feira de mostras de produtos, en concreto, do cacao, desenvólvese esta actividade conducida pola presentación da cadea de valor do produto, xunto co mapa de Peters co que se profundiza nunha explicación das relacións norte-sur. Para a realización desta actividade contouse coa ONGD Solidaridade Internacional de Galicia (SIG) e enmarcouse arredor do 13 de maio, Día Internacional do Comercio Xusto, e contou coa participación de máis dun centenar de alumnos e alumnas.