O Manifesto de ESR, EPD recolle a esencia de todo aquilo ao que se compromete o centro educativo que se implica neste programa educativo. O compromiso co manifesto estimulará unha educación crítica e transformadora e a implicación activa de toda a comunidade educativa!
Esta actividade pode ser o punto de partida para comezar a ser unha escola sen racismo e para a paz e o desenvolvemento, dando así a coñecer os principios e contidos do programa no centro e de comprometerse cos mesmos.
Tamén pode traballarse a final de curso, como peche tras a realización de todas as actividades do programa para facer patente todo o aprendido e visibilizar o compromiso do centro.
O Manifesto supón unha ferramenta de visibilidade e pertenza á Rede ESR, EPD, alén dunha maneira de facer patente o compromiso da comunidade educativa cos principios do programa. A seguir, expomos as diferentes formas de desenvolver esta actividade nas aulas.
Obxectivos
- Promover o recoñecemento e o respecto polas diferenzas.
- Fomentar a igualdade de oportunidades e a convivencia intercultural.
- Favorecer a participación social responsable.
- Contribuír á construción dunha cultura de paz baseada no respecto aos Dereitos Humanos.
- Estimular a implicación activa da comunidade educativa por unha educación crítica e transformadora.
- Reforzar os procesos de convivencia nos centros educativos, abordando a violencia e os conflitos desde un enfoque participativo baseado na construción dunha cultura de Paz
Desenvolvemento da actividade
Trátase dunha actividade que pode traballarse de diferentes formas e en todas as etapas do sistema educativo. A metodoloxía, por tanto, depende da idade dos/as destinatarios/as e da creatividade de quen o leve a cabo.
Para as etapas Infantil e Primaria pódense facer manifestos ilustrados, mediante murais e debuxos, que poidan pendurarse na aula como recordatorio do compromiso adquirido. Para Secundaria pódese realizar un pequeno estudo do que supón un manifesto para unha comunidade (neste caso educativa), analizalo, elaborar outro ou modificar o manifesto orixinal.
A intención é que toda a comunidade educativa coñeza a declaración de intencións e o compromiso que supón ser unha Escola Sen Racismo, Escola para a Paz e o Desenvolvemento, polo que se pode realizar unha presentación do Manifesto á asociación de nais e pais de alumnado do Centro.
Destinatarios e destinatarias
O Manifesto está dirixido a toda a comunidade educativa, xa que supón unha declaración de intencións a cumprir con todas as persoas integrantes do Centro educativo.
O teatro foro é un xogo teatral que ten un dobre obxectivo: detectar problemas latentes entre o alumnado e facerlle entender que na súa man pode estar a clave para a resolución de problemas que lle afectan ou lle poden afectar e sobre os que, aparentemente, non pode facer nada.
O Teatro Fórum é unha actividade na que se expón un problema non resolvido e pídese ás persoas asistentes que propoñan solucións e que as representen, ocupando cada cal o papel do personaxe que escolla. As obras son pequenas dramatizacións de situacións próximas ao alumnado dos centros educativos. O alumnado que propón unha solución diferente á representada polo grupo de intérpretes, debe participar nunha repetición da escena integrándose como parte da repartición e cambiando a acción do seu personaxe de acordo coa solución ofrecida.
Está baseada nas teorías do brasileiro Augusto Boal, creador do Teatro do Oprimido, método no que se pon en escena unha experiencia que representa unha situación de inxustiza social, sendo os espectadores quen propón e representan a solución.
Para realizalo, ACPP preparou a un grupo de actores e actrices que representan unha pequena historia na que o alumnado pasará a ser protagonista. Ademais, conta cunha figura facilitadora que explica a actividade ao alumnado nas escolas e axúdalles na súa participación activa na actividade.
Esta actividade permite a análise de comportamentos, de relacións de poder e das motivacións que explican determinadas situacións. Ademais, o Teatro Foro dá todo o protagonismo ao alumnado durante o proceso porque o convida a cambiar a realidade negativa e demóstralle que é posible e desexable.
Obxectivos
- Analizar situacións de discriminación, inxustiza social, violencia e outras temáticas sociais mediante técnicas teatrais.
- Potenciar a imaxinación, a sensibilidade e a creatividade persoal e de grupo.
- Construír un espazo de expresión e de diversión mediante o xogo simbólico.
- Practicar a procura colectiva de solucións a problemas sociais.Fomentar o respecto cara ás diferentes posicións na resolución dun conflito.
- Crear un clima de confianza que fomente a espontaneidade do alumnado e que permita ao persoal docente presente detectar síntomas de conflitos até o momento invisibles ou difusos (persoais, relacionais etc.).
Desenvolvemento da actividade
O grupo de actores e actrices prepararán obras breves e elementos que estarán presentes no escenario, todos moi simples e adaptados para distintas idades. A actividade ten lugar no Centro educativo, na aula ou nunha sala de usos múltiples.
O Teatro Fórum baséase na explicación dos conflitos interpersoais e sociais, facilita así buscar solucións ao conflito, e é o grupo mesmo quen “vive” a experiencia presentada en escena e tenta resolvela.
Exemplos dos contidos das obras son:
- Racismo e convivencia pacífica: mostra unha situación na que están presentes os prexuízos e as discriminacións.
- Xénero: expóñense situacións onde se evidencia a desigualdade entre mulleres e homes, axudando a cuestionar o porqué destas diferenzas.
- Refuxio: obra sobre a situación das persoas refuxiadas e a actitude da sociedade cara a elas.
- Acoso e Ciberacoso escolar: escenifícase unha situación de acoso escolar ou acoso a través das redes sociais.
Destinatarios e destinatarias
Esta actividade diríxese ao alumnado e pode abranguerse un amplo abano de idades, xa que a representación e dinamización da sesión adáptase ás capacidades de cada grupo. Pode participar toda a comunidade educativa.