A exposición Mira tú é un circuíto de xogos que presenta desafíos ao alumnado para que pense en por si e busque solucións aos problemas que se lle expoñen.
Descubrir, experimentar e actuar son as tres palabras chave da exposición. Seguindo a consigna “estimular as persoas para pensar, non ensinarlles o que hai que pensar”, establécese unha relación significativa entre a percepción que o alumnado ten da súa contorna e algúns fenómenos sociais, entre eles a discriminación.
A exposición consta de doce paneis que conteñen imaxes, xogos e actividades que profundan en conceptos como os prexuízos, os estereotipos e a discriminación.
Obxectivos
- Descubrir, experimentar, reflexionar e tomar conciencia dos mecanismos que conforman os prexuízos, estereotipos e xeneralizacións presentes na nosa sociedade.
- Facilitar o desenvolvemento e fortalecemento de coñecementos, aptitudes e capacidades para a convivencia pacífica e respectuosa.
- Favorecer o desenvolvemento de actitudes para a comprensión da diversidade.
Desenvolvemento da actividade
A exposición consta de doce paneis, dous introdutorios sobre o contexto actual e a tarefa que desenvolve ACPP e dez paneis organizados en bloques temáticos. Os paneis conteñen imaxes, xogos e actividades que seguen unha orde para facilitar a comprensión de diversos conceptos: os prexuízos, os estereotipos e a discriminación.
Os bloques temáticos son:
1. Non todo é o que parece: o alumnado descobre que observando as mesmas cousas, cada quen as pode ver de forma distinta. Experiméntase o feito de que todas as persoas somos distintas e á vez parecidas.
2. Verdade ou mentira: esta actividade debe animar ao alumnado a non aceptar as cousas sen pensar e axudarlles a comprender que hai excepcións nas regras.
3. O recuncho de pensar: o alumnado pode identificar que son os estereotipos mediante o diálogo individual e colectivo, ademais de observar a diversidade da sociedade española.
4. Feito ou opinión: consiste en completar dúas actividades onde o alumnado debe diferenciar os feitos das opinións e reflexionar sobre o dereito á liberdade de opinión e expresión.
5. Todos/as menos eu: o alumnado descobre como se forman os estereotipos. Algo que é certo para moitos, non implica que o sexa para un mesmo.
6. Os prexuízos: trátase o concepto e como refutalo, identificando se se emitiu un xuízo de valor sen un exame previo ou sen o coñecemento de toda a realidade.
7. A discriminación: trátanse os diversos tipos de discriminación, por razón de procedencia, xénero, raza, aspecto físico e outras características culturais.
A metodoloxía para traballar con cada grupo depende da idade do alumnado e da creatividade da persoa que dinamice a actividade. O rol do profesorado é o de acompañar ao alumnado e guialo, establecendo o marco contextual de cada panel e fomentando o espírito crítico do grupo. Para o alumnado, disponse dun caderno para recoller as respostas ás cuestións e xogos que se propoñen. Ao acabar o percorrido pola exposición, proponse unha posta en común das opinións e reflexións do grupo, establecendo un diálogo sobre os temas tratados.
Destinatarios e destinatarias
Este recurso pode ser adaptado para alumnado de últimos cursos de Primaria e para alumnado de primeiros cursos de Secundaria. Poden participar nas actividades o profesorado, adoptando o rol de dinamizadores, e demais persoal educativo que as pode traballar conxuntamente cos nenos e nenas e tamén familiares do alumnado.
De Profesión Cidadáns/as pretende difundir a importancia da participación cidadá responsable e activa como motor de cambio e beneficio social para o conxunto da comunidade.
Este recurso está deseñado para traballar distintos eixos temáticos. Actualmente proponse o eixo Migración e Refuxio.
Esta actividade xorde da revisión dunha iniciativa experimental desenvolvida desde o ano 2000, na que participaron diversas organizacións do sur de Europa (European Perspective de Grecia, Movemento Laici América Latina de Italia, IEPALA de España, OMAS de Portugal e ACPP) contando co apoio e o cofinanciamento da Comisión Europea.
A realidade socioeconómica e política actual está a influír de maneira moi negativa na repartición equitativa da riqueza, atopándose os países empobrecidos nunha clara desvantaxe en canto a oportunidades e dereitos. Esta situación leva a realizar unha revisión profunda dos valores e actitudes cos que convivimos e fai necesario un cambio nos mesmos para poder modificar esta realidade.
Obxectivos
- Concienciar o alumnado sobre a importancia de ter en conta a realidade desde unha perspectiva global e incidir nesta.
- Traballar para que o alumnado sexa consciente de que a participación cidadá no ámbito local ten repercusións en ámbitos globais e que é con esta participación que se conseguen os cambios e melloras que benefician ao conxunto da comunidade.
- Facer reflexionar sobre a realización real dos dereitos humanos, con especial énfase nos colectivos en situación de vulnerabilidade.
- Ofrecer o reflexo na arte, en calquera das súas manifestacións posibles, dos diferentes procesos históricos e sociais.
Desenvolvemento da actividade
Este recurso didáctico está composto por:
- Exposición itinerante composta por paneis que forman diferentes cubos.
A exposición pretende ser unha ferramenta que conduza ao estudo e traballo da temática e á vez un material didáctico en si mesmo. O propósito é provocar na persoa que a visita unha nova lectura da realidade e convidar á reflexión e á análise sobre o exposto.
- Guía didáctica para profesorado.
Proporciona unha orientación para abordar os contidos da exposición e propón diversas actividades para a aula.
- Pasaporte para alumnado.
Soporte para recoller as reflexións e opinións xurdidas durante o percorrido da exposición.
Destinatarios e destinatarias
De Profesión ciudadanos/as está dirixido a toda a comunidade educativa: pais, nais, estudantes con idades comprendidas entre 14 e 18 anos e profesorado. Por outra banda, este tipo de actividades pode dirixirse tamén á sociedade civil en xeral.
DE PROFESIÓN CIUDADANOS/AS: Eixo Migración e Refuxio
O ser humano desprazouse do seu lugar de procedencia a outros países ou a outras rexións dentro do mesmo país, ao longo de todos os períodos da historia. Con estes cinco cubos queremos ofrecer datos que permitan facer unha análise rigoroso da realidade das persoas migrantes e refuxiadas na actualidade, como vía para romper os prexuízos existentes.
- Cubo 1: migración e refuxio. Exponse unha primeira aproximación ao feito migratorio explorando os coñecementos previos do alumnado mediante tres actividades para coñecer e reflexionar ao redor de conceptos como migración, refuxio e asilo, ademais de coñecer experiencias migratorias reais.
- Cubo 2: os dereitos humanos. Estas actividades están orientadas a crear espazos de reflexión sobre as vulneracións de dereitos humanos que sofren as persoas migrantes e refuxiadas. Realízase mediante a análise de noticias aparecidas en medios de comunicación e testemuños directos.
- Cubo 3: realidades migratorias, globalización e interdependencias. Exponse a diversidade existente de realidades migratorias ao longo da historia até a actualidade e o debate crítico ao redor destas realidades mediante o testemuño das persoas protagonistas.
- Cubo 4: opinións e visións. rompen estereotipos e prexuízos que condicionan a nosa percepción e opinión dos demais mediante un enfoque crítico e reflexivo ao redor das persoas migrantes e refuxiadas.
- Cubo 5: arte. A partir de diversos textos literarios, imaxes e cancións relacionadas co feito migratorio móstranse diversas formas de expresión artística como vehículo para mostrar a nosa visión e interpretación da realidade.
O Veo Veo é un programa educativo articulado nun circuíto de actividades, xogos e exercicios que levarán ao alumnado a unha viaxe mediante o que descubrirán cales son os mecanismos que orixinan os conflitos de convivencia e a discriminación.
Descobre e experimenta mediante os distintos xogos que propón esta ferramenta. Actúa na construción dunha convivencia pacífica.
O Veo Veo aborda a xeración de actitudes discriminatorias a través de procesos cognitivos, emocionais e condutuais máis básicos para despois tratar en profundidade as temáticas expostas.
Un dos elementos fundamentais nos que se sustenta o Veo Veo é a aprendizaxe dialóxica. O recurso fomenta o coñecemento e a asimilación de conceptos e procesos a través do diálogo, confrontando, explicando e chegando a un consenso cos seus iguais. É por iso que todas as actividades realízanse en parella para favorecer este pensamento crítico.
Obxectivos
- Desenvolver e fortalecer a capacidade das persoas mozas para convivir en paz.
- Desenvolver as aptitudes e capacidades da poboación nova para a comprensión dos fenómenos sociais que xeran a discriminación.
- Incrementar o interese de toda a comunidade educativa cara á educación para a paz, a través dos instrumentos didácticos de aplicación práctica na súa contorna máis próxima
Desenvolvemento da actividade
O Veo Veo non é unha exposición no sentido tradicional. Trátase dun circuíto de xogos interactivo de grande envergadura que representa un desafío para as persoas participantes que lles obriga a pensar en respostas, dar opinións e buscar solucións, coa intención de que alcancen unha comprensión das raíces dos prexuízos, a discriminación e o fenómeno do acoso escolar.
O circuíto, cuxo montaxe require un espazo de 80/100m2, componse de 8 bloques temáticos, que convidan o participante a xogar e interactuar:
- Non todo é o que parece. A diferenza é natural: fomenta a comprensión da diversidade como unha característica natural da realidade.
- Verdadeiro ou falso: potenciar os mecanismos para recoñecer a realidade diferenciando o elemento subxectivo e persoal da nosa percepción ante a mesma.
- Feito ou opinión: Fomentar o pensamento crítico e a capacidade de reformular a realidade.
- Todas/os menos eu: xeneralizacións e estereotipos: promover o desenvolvemento habilidades que nos permitan deconstruír xeneralizacións e estereotipos
- Prexuízos: impulsar actitudes dirixidas a romper cos prexuízos cotiáns.
- E eu, quen son?: reforzar actitudes de rexeitamento a situacións de acoso escolar.
- Discriminación: fomentar actitudes de denuncia ante situacións de discriminación, tanto a nivel local como global.
- Xornalistas: evidenciar os delitos de odio a escala local e global como consecuencia directa da construción de estereotipos e prexuízos.
Cada participante fai o percorrido cun pasaporte, instrumento necesario para realizar o circuíto. Vaise atopando cunha serie de paneis que lle fan cuestionarse que non todo é como parece a primeira ollada, as diferenzas entre feitos e opinións ou entre o que consideramos verdadeiro ou falso. O percorrido faise en parellas. Cada persoa é diferente e percibe as cousas de maneira distinta. Coa axuda do pasaporte cada parella vai facendo as actividades que o circuíto require e introdúcese nos conceptos de prexuízos, estereotipos, xeneralizacións e discriminación.
Outro aspecto metodolóxico fundamental no Veo Veo é a incorporación de recursos artísticos e literarios que actúan como elementos educativos para facilitar a reflexión e a análise desde un enfoque emocional.
Destinatarios e destinatarias
O programa educativo Veo Veo está dirixido a nenas e nenos a partir dos 10 anos de idade. Establecemos como idades de referencia, as comprendidas entre os 10 e os 14 anos aínda que podería traballarse tamén con persoas de máis idade.