ACPP-Galicia celebra un encontro de educadoras vinculadas ao proxecto Escolas Sen Racismo para compartir, reflexionar e imaxinarnos futuros posibles

O pasado 3 de xuño, e no marco do proxecto Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e ou Desenvolvemento (ESR-EPD), co-financiado pola Xunta de Galicia, celebrouse en Santiago de Compostela un encontro de educadoras parte do proxecto.

Os obxectivos do encontro, que foi dinamizado pola cooperativa galega Rexenerando, especialista na facilitación de grupos, foron, entre outros:

- Gozar dun espazo de posta en común de inquedanzas, reflexións e propostas para traballar a convivencia nos centros educativos e contrarrestar os discursos de odio que, cada vez máis, lexitímanse nos centros educativos como reflexo da súa presenza noutros ámbitos das nosas sociedades.

- Acompañarnos, coidarnos e demostrarnos a nós mesmas que non estamos soas, a pesar de que, en ocasións, os esforzos case-militantes de moitas educadoras vinculadas co ESR veñen marcados por sentimentos de soidade e outro tipo de complexidades.

- Realizar unha avaliación coral de voces do que esta edición do Escolas Sen Racismo supuxo para as distintas partes presentes na intervención, co obxectivo de obter aprendizaxes colectivas que nos impulsen a mellorar o proxecto.

- Imaxinarnos futuros camiños para fortalecer esta iniciativa de educación transformadora, dotala de innovación educativa e posicionala como referente nos centros que forman parte da súa rede.

 

Para iso, contamos coa presenza e a representación das diferentes realidades de centros educativos de infantil, primaria e secundaria que son parte do proxecto a través das orientadoras, profesoras e equipos directivos do IES do Milladoiro, o IES Antón Losada, o IES Chano Piñeiro e o CEIP López Ferreiro.

 Ademais, contamos coa voz de educadoras externas aos centros pero que, como asistencias técnicas especializadas do proxecto, interveñen de diferentes maneiras co alumnado e observan problemáticas e necesidades que complementan e enriquecen as identificadas polas docentes.

Estes diálogos completáronse coa visión das técnicas de ACPP e a persoa encargada do levantamento da liña de base e do proceso de avaliación do proxecto nas súas últimas edicións.

No encontro, de catro horas de duración, realizamos diferentes dinámicas, traballando conxuntamente e por grupos (centros educativos; educadoras externas, e persoal de ACPP e vinculado á xestión de procesos) e obtivemos unha serie de aprendizaxes, propostas e liñas de traballo que estamos seguras que enriquecerán as próximas edicións e fases do proxecto.

Pero, ante todo, o encontro cumpriu a súa labor de fortalecer a rede do Escolas Sen Racismo, constituíndose como un espazo no que acompañarnos e compartir as nosas vivencias. Demostrándonos, unha vez máis, que esta experiencia educativa non ten sentido se todas as partes involucradas non só son parte activa da construción da mesma, senón que se senten parte e recoñécena como unha iniciativa necesaria e prometedora nas aulas de Galicia.